14/12/10

Citizen2: todos ó teatro!

Esta noite os Ciconios da Cachada imos ó teatro da NASA a ver Citizen2. Esta obra forma parte dunha triloxía que lanzou a compañía Chévere esta tempada. A obra, ambientada na Galicia dos anos oitenta, remeda a figura do Citizen Kane de Orson Welles, e narra as orixes dun empresario téxtil, “A.O.”, quen levará a súa industria a ser un verdadeiro imperio internacional, mesmo a costa do traballo de miles de mulleres precariamente organizadas en cooperativas.

Trátase dunha peza de teatro contemporáneo que entronca co noso proxecto Ciconi@ no que á súa dramatización atinxe, pois tendo en mente a elaboración dunha curta a final de curso, o traballo de director e actores da obra é un excelente e innovador exemplo. No que a contidos se refire, Citizen trata das controversias propias dunha sociedade globalizadora e capitalista en conflito, tema que non só se debe cultivar transversalmente, senón que tén presencia física nos contidos da Programación de Tecnoloxía (Bloques de “O Proceso Industrial” e a “Historia da Tecnoloxía”).

En orde a comezar unha colaboración coa compañía Chévere (a traveso da súa páxina RedeNasa.TV), a Dirección do teatro organízanos unha pequena charla-coloquio ao fin da mesma, entre o reparto da obra (Patricia de Lorenzo, Mónica García, Miguel de Lira), vós e os pais.

A semana pasada, para ir ambientándonos neste tipo de propostas alternativas, pasamos durante a hora de comer o filme “Dogville”, produción audiovisual de Lars von Trier do ano 2003.

Hoxe, en clase, falamos dos temas clave desta obra no que a Tecnoloxía atinxe: sociedades empresariais (S.A., S.L., Cooperativismo), traballo en cadea, globalización e ética do traballo, filosofía Just in Time...


Sem comentários:

Enviar um comentário